Contos do País do Solpor



O meu perfil
anoiteamericana@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Faro 2014. A diversión continúa ( e II)
É un paxaro, é un avión... non. É un ORNI


Non quería que esta segunda parte da crónica fora unha crítica musical; pero non hai máis remedio que facer referencia ás actuacións musicais do evento.

Como xa che dixen este ano a cousa pintaba mal. Con dicirche que a cabeza de cartel eran “Los Inhumanos” xa está todo dito. Despois, de recheo, había varios grupos de “Heavy” e un grupo de homaxe a “Queen” (é dicir: Versioneaban os éxitos deles).

Teño que contar que este grupo sorprendeume pola alta calidade do cantante que era como estar vendo a Freddie Mercury en pequeno. Lástima que o resto da banda que o acompañaba se limitara á corrección técnica pero pouco máis.

Houbo tamén as “performances” eróticas de todos os anos (que non vou a comentar por non poñerte enfermo) e o fantástico concurso de camisetas molladas.

Este ano, como non había tanta xente como outros, tiven a oportunidade de ver os ensaios das protagonistas das actuacións anteriores; e só podo afirmar que son, ante todo, unhas enormes ximnastas.

A pesar da reducción nas prestacións alimenticias da organización, quero darlle as gracias ó sector da hostelería de Quarteira pola proliferación dos rodicios tanto de peixe como de carne que che permitían solucionar por uns seis euros cada comida; e sair ben satisfeito.

Por certo, non sei se me tocou a viaxe a Daytona porque o domingo pola mañán xa iniciei viaxe cara o Nort;así que non me quedei ó sorteo.

Nesta viaxe e onde quero pararme un chisco.

Por suposto voltei pola IC1 e fun sorprendido por unha especie de anomalía espacio/temporal no occidente do Alentejo. Xusto no triángulo entre Sines, Grãndola e Alcacer do Sal. Còntoche:

Ía todo tranquiliño detrás dun camión a bon ritmo e como non tiña intención de adiantalo fixen sitio para que se metera no medio un Honda Prelude que viña dándolle ferro. Ben que me resultou. Pouco despois de que se metera o Prelude entre nos, oín un estourido e vin como saía voando a cuberta dun dos neumáticos traseiros do camión. De inmediato viñeron cara a min pedazos de goma e algún que outro aramio da roda, mentres que o Honda tentaba evitar o inevitable: Ter un encontronazo entre o seu faro dianteiro dereito e un dos trozos de goma.

Eu tiven a inmensa sorte de que a miña experta pilotaxe extrema (???) me permitira esquivar (non me preguntes como) os cachos de goma e os aramios que ían aparecendo por debaixo e por enriba do Honda.

Eu seguín ruta mentres que o coche e o camión paraban no arcén para tomar os datos e resolver a cuestión do seguro.

Ainda non ben chegara ás aforas de Grãndola cando me dispoñía a adiantar outro camión. De debaixo da lona que cubría a carga había algo que se movía e que andaba solto ata que de súpeto saíu voando por riba da miña cabeza. Nun principio non me deu moito tempo a ver ben que fora; pero entre o que aminorei e unha ollada polo retrovisor decateime de que non era nen un paxaro, nen un avión... era, meus amigos, un palé. Sí, un palé deses de transportar materiais para obras. Probablemente mal estivado e que non me levou por diante porque xa estaba ben pegadiño ó cu do camión e librei de comermo de cheo.

Se ainda tiñas moitas pantasmas da miña última experiencia co tipiño do Ibiza bermello, non che quero contar despois desta. Non me ía chegar o sueldo para a terapia.

Parei a botar gasolina alí mesmo na Vila Morena para así tomar algo de resuello; e continuei ruta minutos despois. Agora sí, máis devagariño non fora a ser o demo.

Pero estaba visto que ainda non saira da anomalía espacio/temporal da que che falaba.

Xusto nas aforas de Alcacer do Sal un vello Ford “Escort” arrastrando un remolque deses pequenos para carga ó pasar un dos diversos e variados baches da IC1 perde un dos seguros da portiña do remolque e comeza a sementar patacas pola estrada. E quen ía xusto detras? Sí, adivinaches, o experto piloto extremo. Agora sorteando (tampouco sabería dicirche como) as patacas que ían caendolle ó remolque. Contodo, deume tempo a poñerme á altura do conductor para avisalo.

Paramos, e aquí me tes a min en pleno Alentejo apañando as patacas vestido de astronauta xunto cos amables señoriños do “Escort” cos que compartín un bo pedazo de tarta de laranxa e un café á moda española (así é como lle chaman por aquí ó café con xeo). Viríame mellor unha tila; pero non era cousa de quedar como un cagueta.

Unha vez pasado Alcacer do Sal supoño que saín dese bucle cuántico do que che falaba porque xa ata a entrada en Cascais (onde ía a facer noite)a viaxe foi sen novedades.

Ó día seguinte retomei a miña derrota con rumbo Norte cara o porto base da Nosa Sra. de Volusia.

Por fortuna a parte do “overbooking” de pantasmas de reventóns de rodas, palés voadores e Ibizas bermellos que pululaban pola miña cachola a viaxe resultou máis tranquila e sen sobresaltos.

Agora vou ver se atopo un bo psicoterapeuta que á miña conta vai facerse de ouro.
Comentarios (6) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-09-2014 20:01
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal