Contos do País do Solpor



O meu perfil
anoiteamericana@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O Comité de Resaca
Sí, ben cho sei, non se debe sair ó mar para competir cunha resaca do quince.

E mira que eu fun dos que máis cedo se retirou, precisamente pensando na etapa que nos agardaba ó día seguinte, e non cheguei ó barco antes das dúas da mañá!!.

Algúns , xa alboreaba o día, e estaban dormitando na cuberta. Supoño que non deron acertado co tambucho ...

A saída , por sorte, non estaba programada ata as 1300h. o cal supoñía que con estar ás 1200h. na auga éranos abondo. Así ainda había unha pequena marxe para que a xente se fose recuperando un pouco.

As condicións variaran con respecto ó día anterior e o vento caera a uns quince nós do NW. Todo esto , de manterse, implicaba unha travesía navegando a un descuartelar , practicamente ata virar a Torre de Hércules.

Cando xa estaba achegándose a hora da saída , pola radio escoitábase a voz de Alberte o director de regata, que soaba como se acabase de erguerse da litera... Non puiden aguantarme. Coa desculpa de ir a revisar o enlanado dos dous spís que contabamos con utilizar ó virar a Torre, agarrei o micro e susurreille a Alberte: “ Albertiño, esa voz máis que do Comité de Regatas parece a do Comité de Resaca”.

Oes, queres creer que non o tomou nada ben. O resto das tripulacións sí, porque deseguida empezou a montarse un sonoro cachondeo pola radio.

Pero, cando ía dar a unha da tarde , Alberte ameazou con dar a saída so coas bandeiras e sen avisos por radio (o reglamento permítello)... e o persoal acougou.

Na saída non houbo maiores problemas, foi limpa e sen “fora de línea”. No noso caso mantivémonos un chisco apartados do barco do Comité, que era onde se alviscaba máis presión de vento, e unha vez que se clarexou a zona , empezamos a trimar velas e saímos como un foguete.

Era certo que os primeiros levábanos algunha ventaxa; pero a nosa estratexia era clara: sair máis afora en busca de vento limpo e sen roles , para unha vez na enfilación da chimenea de Sabón empezar a abrir velas cara a Torre de Hércules e desde alí entrar xa na bahía con spí arriba e dándolle caña para recuperar o terreo perdido na búsqueda de maior presión de vento.

Por fortuna ,a cousa ía saíndonos segundo o previsto, e de seguido puxemos mar por medio entre nos e o resto da flota.

Pouco a pouco a xente ía quentándose e a traicionera resaca ía dando paso a maior precisión e rapidez nas maniobras.

Cando acadamos o través de Punta Langosteira empezamos a abrir trapo e deixarnos caer cara a Torre. Case estabamos a un largo cando o patrón ordeou izar o “Gennaker” pesado que estreabamos.

Caraaallo!!, que boa compra!!!. A disposición da vela permitíanos navegar case ata un rumbo de través e a súa cobertura facía funcionar como un xénova de código cero. En poucas palabras: Pasamos de oito nós a doce , trece.

Pola nosa banda de estribor , o resto da flota ,recuperaran moito do terreo perdido; pero foi poñer o novo paniño e vimos como nos largábamos escopetados en demanda da boia da Guisanda onde viraríamos para entrar xa na meta.

Ó lonxe víamos no peirao de petroleiros como os dous Sertosa (os remolcadores auxiliares do porto) empezaban a colocarse para iniciar a maniobra de desatraque dun petroleiro non moi grandiño.

Nos nen nos inmutamos, dado que coa velocidade que levàbamos teríamos marxe abondo para pasar antes de entorpecer a súa maniobra.

Pero, non todos pensabamos o mesmo. Parece ser, que do Contro de Tráfico do porto avisaron ó Comité para que nos deran instruccións de deixar libre a canle N. para a saída do petroleiro. Así nolo comunicaron por radio, e nos avisamos da nosa velocidade e confirmamos da nosa intención de virar a Guisanda antes de que remataran coa maniobra do petroleiro.

Non lles gustou. Practicamente nos ordearon que abortáramos a maniobra ata que saíra o petroleiro.

Eso, amiguiño, supoñía perder os case vinte minutos que lle levabamos ó segundo..., e claro, ninguén a bordo estaba pola labor.

Ainda que os remolcadores (un á proa e outro á popa do petroleiro) ían acercándose, nos veíamos claramente que coa nosa velocidade seríamos quen de pasar por diante do petroleiro antes de que poidésemos estorbarlle na maniobra.

Bueno, pois que nada ,tu. A xente do Comité empezou a berrar pola radio que abortáramos a maniobra dado que o Sertosa 28 (na proa) levaba unha estacha de remolque no petroleiro.

Xúroche que nos, que estabamos a ben poucos metros do Sertosa 28 non veíamos a estacha por nengures. Entre outras cousas porque se houbera tal estacha, esta formaría desde a proa do petroleiro unha catenaria ata a popa do remolcador.

A pesares do que escupía a radio con voz apremiante , todos a bordo apostábamos por seguir rumbo e o patrón dispoñíase a pasar entre o Sertosa e o petroleiro, cando de repente vemos como remolcador vira e comenza a enfilar cara a nos ameazadoramente.

Non dábamos crédito ó que veíamos. O patrón arribou mentres abríamos velas, pero eles tamén correxiron o seu rumbo!

Estaba claro que non querían de nengunha maneira que pasaramos entre eles e o petroleiro. A estas alturas xa estaba claro que non había tal estacha.

O patrón, por mor de evitar males maiors deu orde de arriar todo mentres virábamos a toda pastilla.

O lío que se montou co “genaker” foi dos que fan época. Líado entre o “Stay” e a botabara, cun rachón ó engancharse nunha cruceta nunha arriada tola. E mentres, o Sertosa, xa satisfeito por facernos desistir, seguía de novo rumbo de escolta do petroleiro.

Cando conseguimos aclarar todo e comprobamos, que non había máis estragos que o rachón da vela, empezamos a berrar lindezas ó “desconsiderado” patrón do remolcador. È ben certo que eles estaban traballando; pero tamén é certo que non se pode poñer en risco a vida humán tan alegremente.

Supoño, que nese intre ,a xente do remolcador fixo prevalecer os seus prexuizos de clase , antes que consideracións básicas de seguridade na mar.

Entre mentres, a flota xa estaba virando a Guisanda e o noso primeiro posto ficou nun cuarto... cabreados; pero vivos.
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-09-2008 19:30
# Ligazón permanente a este artigo
O Ràpido de Malpica





Ainda que a estas alturas debaríamos estar saindo de Liverpool camiño de Malmö (Noruega), por razóns técnicas e de falta de tripulación cambiouse a última hora o programa de navegación e o armador optou por probas máis cercanas, así que aquí nos tes preparando a saída da clásica “Illas Sisargas” que tantas veces disfrutamos xuntos a bordo do “Pedras de Hércules” , do “Riás” e agora no “Hansa”.
Ainda que íamos ben escasos de xente. Só contabamos con seis persoas, o armador estirouse e contratou a Pilar Mesa do “Navantia” (bicampeón do mundo da clase 670).
A adaptación da rapaza foi estupenda . Supoño que , entre outras cousas, porque dos catorce que deberíamos ser , só estabamos seis; e así minimizábase o risco de friccións a bordo. Por outra banda íamos ter que multiplicarnos para atender convinetemente ás maniobras e non creo que houbera moito tempo para vida social.
A fin de semán presentabase ideal: sol, mar chan, bo vento entablado do WNW cuns vinte nós. Deste xeito iríamos todos cara a Malpica navegando a un través .
Na saída había abarrote. Cerca de coarenta barcos .
Nos ó sinal de atención (cinco minutos) fumonos para atrás de todo e fuximos da pelexa que se montou sobre a liña de saída. Collimos inercia abondo para xenerar o noso propio vento aparente, e ahí estabamos!
Houbo varios toques sobre a liña e os berros dos patróns e os proas oíanse ben desde atrás.
Nos mentres tanto seguíamos á nosa, tomando un bordo cara a fora, para fuxir da prevista caida de vento que ,sempre nos acomete á caida da tarde cando estamos chegando a Malpica.
A metade da flota decidíu seguir polo bordo de terra para aproveitar o salto do vento terral , e pronto se destacou o “Raygrass” e o “Galiciaxoven” , que ó pouco tempo xa estaban enzarzados nunha loita de marcaxes sen fin , facendo a súa propia regata.
Aquelo máis ben parecía un “match race” entre os dous .Máis atrás o resto da flota en bordos de terra, intermedios ,e algúns como o “Fadesa” pegadiños á nosa popa cara a fora.
Nos non deixábamos de ollar para o noso inmediato perseguidor tentando por todos os medios non perder a ventalla que ostentábamos (nunca tanto corrín por unha cuberta, neno, non nos chegaban as máns); pero, hete aquí que nos veu a sorte a ver: O “Fadesa” (supoño que forzando ó máximo) rachou o seu xénova, co cal a súa velocidade caeu en picado mentres atendían a arriar os trozos da vela rota e izaban a toda presa outro xénova ,máis pequeño. Nos, que non baixábamos dos dez a once nós, seguíamos aumentando a ventalla, agora xa con tranquilidade.
Cando xa tíñamos a Sisarga Grande ó noso través, e o resto da flota estaba desperdigada polos Baixos dos Baldaios ben ó lonxe da nosa popa, viramos en demanda da boia de recalada ,que segundo as instruccións de regata debería estar na Praia das Salseiras..., pero, por máis que ollamos para o punto indicado alí , nen con prismáticos veíamos nada.
O patrón da orden de avisar por radio ó barco do Comité de Regatas por ver se o fondeo da boia garreara...
Caaa!!! chegaramos tan axiña que o Comité ainda non tivera tempo de colocar a boia!!.
Cando estabamos xa a menos de media milla da punta da escolleira do Porto vimos sair fungada unha neumática coa boia que fondearon xustiño co tempo xusto para que o balizador nos deixara sitio abondo para virar e enfilar a liña de meta.
Cando sonou o bocinazo que marcaba a nosa entrada levabamos dúas horas ,doce minutos , dazaseis segundos de regata. Acababamos de marcar novo record no recorrido desta proba!!!
Por radio os xuices deronnos a boa nova e os seis caimos cun sorriso de orella a orella sobre a cuberta. Ainda quedaba amarrar e arranchar as velas e a maniobra... pero, a satisfacción dabanos ás.
Non sabes a que se montou esta noite por Malpica coa tripulación do,agora coñecido como: “O Rápido de Malpica”.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-09-2008 22:34
# Ligazón permanente a este artigo
O Val das Almas ( e II)
Na concentración propiamente dita, o ambiente do mellor. Apertura, tolerancia, bo rollo , e os tolos que entre trinta mil persoas sempre hai, eran rápidamente abroncados polos seus propios colegas; ou no seu caso, chamados á orde pola GNR que patrullaba polas zonas de acampada nunhos carriños deses do golf a paso de persoa.
Pero bueno, a parte de motos (por certo o Sr. Harley e o Sr. Davidson debían de estar de oferta, porque parecera que as regalasen de tantas que había), e polos coarenta euros que pagas pola inscripción podías contar con todos os servicios da mesma, tres comidas diarias e , pola noite, con actuacións como a de Lou Reed,Gary Moore ou os Blues Brothers.
Esto pola noitiña, ó refrescar un pouco, pola tarde e entre os calores do Algarve en pleno verán, podías asistir a maravillosos espectáculos como a elección de Miss camiseta mollada, ou se estabas vago, simplemente sentarte baixo calqueira piñeiro a ver a paisanaxe , que claro, coa calor, xa se sabe.
Xúroche que nunha desas cheguei a pensar que estaba no ceo , ou que todo era realidade virtual e eran todas de plástico.
Sí,xa sei que é un comentario machista; pero, meu neniño, habías de estar ti alí para ver o que eu vin.
Se ata unha tarde especialmente calurosa un grupo de obsequiosas señoritas accederon ás duchas exteriores da nosa área de acampada ,e supoño que froito das calores algarvías, acabaron despoxándose dos seus micro pantalóns e dos seus escuetos tanguiñas...
Non che sei se sería cousa da organización (impecable por outra banda), ou serían grandiosas espontáneas... Pero, esto, meu amigo, é o que lle dovolve a fe no ser humán a un home de ben.
No segundo día da concentración xa a cousa empezou a animarse e podías ver xente da República Checa , de Rusia (estes a bodo de sendas Ural, que parecían traidas do Frente de Leningrado), de Viena, de Polonia... e ata da Coruña!!!.
Todos e todas (dúas rusas que ...te deixaban sen alento) nas súas motos cargadiñas ata o inimaxinable.
Algo que hei de salientar é o trato impecable por parte da organización, os voluntarios/as e a GNR que cubría o evento. En nengún momento malas caras, nen malos modos. Sempre pendentes dos inscritos/as e axilizando ata o insospeitado as colas para os xantares e a limpeza nos distintos lugares de aseo persoal.
Non che vou dicir que a xente non se "empiriquitou" nen un chisco... por suposto que sí, pero non se vía un mal momento nen unha mala cara porque alguén se pasara ou montase bronca por mor dunha copa de máis.
Con dicirche que o actor que sustitue a James Beluschi ó fronte dos Blues Brothers pillou unha boa enchenta de cervexa e rematou facéndose unha tatuaxe no seu lombo co anagrama do Motoclube de Faro!!!
Mira, ainda que non gostes das motos, xa só polos concertos, o espectáculo dentro e fora do escenario, dentro e fora da concentración; xa só por eso págache a pena vir ata Faro o ano que ven.
Ah, e non esquenzas repelente para os mosquitos!!

P.S.
Cerca de trinta mil inscritos , máis coches de apoio,máis amigos, máis turistas... poden darvos idea da magnitude do evento.
P.S. 2
Non sei se non habería tongo no certamen de Miss Camiseta Mollada. Para min que non debu gañar a local, se non a rusa Helena... ,vamos, onde vai parar...
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-09-2008 22:55
# Ligazón permanente a este artigo
O Val das Almas (I)

Sí, amiguiños e amiguiñas, xa estamos de novo aquí.
O meu Pentium 100 sigue tirando como un auténtico "Vintage" da informática ,e non o vas creer, pero ó final tiven que argallarme eu para quitar a mancha do fregadeiro... que país máis pouco formal,tu.
Boeno, agora deixote co primeiro capítulo de: "O Val das Almas"



Ainda que xa tiña ido a algunha concentración moteira desas grandes, todo o mundo me recomendaba ir á do Algarve. Sí, oh, a que se celebra no medio do verán no Val das Almas (Faro).
E para aló me encamiñei.
Como queira que o Algarve xa o teño coñecido do dereito e do revés, e dado que a viaxe ía ser enlatado por problemas mecánicos que me están facendo cada vez máis devoto de Nosa Sra. de Volusia, decidín facer a viaxe en etapas.
A primeira parada sería en Lisboa para ir cear á Adega de San Roque no Barrio Alto. É un sitio que ainda non probei e esta é unha boa ocasión. (Certamente recomendable)

Ó día seguinte saín cediño para aproveitar as baixas temperaturas da mañá (só 29ºC) e apretar a correr cara abaixo ca cabeciña posta na praia de Olhos da Auga onde me ía aloxar.
Cheguei medio cocido , a eso da hora do xantar e contactei cos outros membros do motoclube que xa estaban cas tendas montadas nunha das catro xigantescas áreas de acampada do Val.
Amiguiño, e eu que pensaba que o dos Pingüinos no inverno era grande... Aquí atopabas catro áreas perfectamente delimitadas e equipada con servicios, duchas e pequenos chiringuitos onde mercar comida e/ou bebida; así como varias zonas de “merchandasing”, taller e pezas de motos. Total, que podías traer a moto noviña e totalmente personalizada á volta para a casa.
Ademáis de toda esa enorme área con zonas peatonais, había un enorme escenario con doce (sí, leeches ben) pantallas xigantes nas que se emitía sinal de TV dos eventos que ó longo dos tres días da concentración tiñan lugar. E acarón dese escenario unha enorme carpa (según dicían os futboleiros ocupaba o que un campo de fútbol) con banquiños e mesas para facer a túa merendiña.
Pero , non vos vaiades ainda, un pouco màis aló, había unha exposición de motos antigas propiedade do Motoclube de Faro e de coleccións privadas; e outra exposición coas motos que ían participar no concurso de “customización”. Concurso este, por certo , que gañou unha rapaza escocesa con tres magníficas mostras de transformación de motos de rúa en auténticas obras de arte.
Para manexar todo esto, a organización contaba con mil quinientos voluntarios/as e coa colaboración da GNR, que (igualiño que no noso país) colaboraba activamente axilizando o paso dos inscritos e evitando algunha que outra tolería dos que querían queimar roda e armar bronca. Eso sí, sempre con exquisita diplomacia, e tendo en conta a enorme fonte de ingresos que esta concentración supón para a zona. Eso inclue (igualiño que aquí) nengún radar , nengún control de alcoholemia, e prioridade para as motos; tanto na baixada como na subida.
Ah, e que non se me esqueza unha cousa importantísima que puiden observar tanto en autopista como en estradas secundarias como a que une o Val das Almas con Olhos da Auga: Todas as zonas perigosas, todas, contan con gardarrais de doble barreira con zona de absorción de impactos, para previr os accidentes dos motoristas.
Non é que o estén estudando,non... E que xa están instalados!!! Igualiño que aquí.

(To be continued)
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-09-2008 20:21
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal