Contos do País do Solpor



O meu perfil
anoiteamericana@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Dende o Quinto Pino (e V)





E deron as sete. Malo se non daban!

O resto da tarde pasaramolo cargando víveres , gasoleo e auga doce para o resto da travesía.

O novo fichaxe chegou puntual ,e xa na entrada deixounos ben clariño que él non era un tripulante máis.

Por suposto nin se molestou en botar unha man para axudar na estiva da comida, e despois na cea enseñou as súas cartas: Él non era “Marck” se non o Capitán Reedhood.

Visto o carid que tomaban as cousas para a segunda etapa ocurríuseme comentarlle ós meus colegas que ían listos co tal Marquiños.

Na miña cándida inocencia nin se me ocurrira pensar que o Capitán Reedhood soubera falar outra cousa que non fora inglés; pero mira ti por onde, sí que sabía.

Marquiños falaba portugués e entendíu á perfección o meu comentario.

Mentres eu tentaba distribuir a froita dunha caixa vin ó tipo que se viraba cara a min medio desencaixado e me botaba un chorreo (en perfecto portugués) sobre o respeto ós oficiais e a importancia da disciplina abordo.

Oes, queres creer que se me quitaron as gañas de continuar viaxe con eles?
Despois da cea , Marquiños saíu a cuberta encendeu un bo puro e serviuse un vasiño da petaca que levaba consigo. Nós mentres recollíamos todo e fregábamos os platos da cea.
Ó acabarmonos , saímos con intención de tomarlle o pulso a Horta, pero en vista do animada que estaba a noite acabamos contentándonos cuns cacharros no Café Sport que era ( de todo o que vimos) o garito máis animado da vila.

Alí deseguida fixemos migas cos da mesa a carón nosa que tamén ían cara Bahamas e nos puxeron ó corriente dunha tradición dos que andan por estas latitudes, verás:

Lembras os “graffities” que había no dique?, pois éche unha inmensa galería de arte ó aire libre con traballos das tripulacións que nun ou noutro senso cruzan o Atlántico.

Cada barco que fai escala aquí debe deixar a súa pegada cunha pintura alusiva ó seu destino, e o nome do barco .

Se así o fas, a túa travesía será placenteira e arrivarás ó porto de recalada sen novedade; se non Neptuno tomará venganza facéndoche pilladas como a de embarcarseche o Capitán Reedhood para ir tocando os melindres o resto da travesía.
Por si acaso, á mañá seguinte fun a unha das moitas tendas de efectos navais a procurar uns botes de pintura e uns pinceis para deixar a nosa obra no dique.
Ainda que a miña intención era a dunha bandeira galega enmarcada co nome do barco e a tripulación ; ó final tiven que calar , dado que como moi ben apontou Xulio e Anxo : dado que eu non completaba travesía non podía participar na obra.
Así que como alí non pintaba nada aluguei un coche para dar unha volta pola illa ata a saída do meu voo para Lisboa á noitiña.

Non che había moito que ver. A poboación máis grande era Horta ,e a paisaxe era unha sucesión de vales e conos volcánicos apagados . Había tamén algunha plantación de te, piñas e algún viñedo para facer o rico e caro viño de lava.

Ía sobrado de tempo e non me apetecía voltar tan cedo, así que parei o coche nunha praia desas de area negra e aproveitei para tumbarme un pouco ó sol .

Estaba tan tranquilo ata que notei esa sensación de que alguén esta a ollar para ti. Abro os ollos e dentre unhas rochas vin asomar unha cabeciña e pouco despois un corpo con pintiñas azuis. Era un dos lagartos típicos destas illas .

Estabamos os dous sos na praia e non lle din máis importancia , ata que ó cabo dun cachiño sentín como un “tap,tap,tap” sobre a area. De reollo para non asustar ó dono da praia, miro e era o lagartiño que viña a ver quen era ese bicho tan grande que invadira a súa propiedade.

Non se cortou un pelo. Achegouse máis ollando curioso ,e así estivemos un pedaciño, ata que ,supoño que canso do pouco xogo que lle daba este bicho tan grande, deu media volta e “tap,tap,tap” paseniño encamiñouse cara a rocha de onde saira en viaxe de exploración. Eu seguino coa vista e cando xa estaba sobre a rocha, mirou para min, fixo un aceño coa cabeza e soltoume:"Dalle recordos a Tucho o da Pena Nejra!!"

Sí, o mesmo pensei eu... o viño de lava e o sol non casan nada ben.

Ó chegar a Horta antes de devolver o coche ainda fun ata o dique para ver a nosa obra de arte.

Non era a miña bandeira galega, pero no seu lugar había unha do Depor cos nomes da tripulación, o do barco e un grande “Forza Depor”... (sen comentarios)

A hora de zarpar xa chegara. Fun ata o pantalán para despedirme e desexarlles bo vento e boa mar. Largueilles as amarras e encamiñeime cara o aeroporto da Srta. Pepis de Horta.

Dende aquí voo a Lisboa no que aproveito para toquear un chisco. Logo ben cargadiño de café collo “carretera” e manta rumbo Norte .
Ainda paro nunha área de servizo para botar un soniño e así chegar algo máis fresco, dado que ó día seguinte ía ser agraciado cun maravilloso día de curro.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-06-2009 20:47
# Ligazón permanente a este artigo
Dende o Quinto Pino (IV)





Acabamos de amarrar nunha das dúas enormes mariñas de Horta, e mentres Mr. Magoo vai cos papeis do barco á oficina do Náutico a rexistrarmonos, o resto aproveitamos o tempo para facer unha primeira carga de auga doce, arranchar a maniobra e separar ben a roupa sucia para levala máis tarde á lavandería.
A miña primeira impresión da cidade non difire moito de calqueira vila mariñeira dalgunha das Canarias.
Poucas casiñas salpicadas pola ladeira dun volcán apagado, vellos edificios abandonados evidencia dun rico pasado colonial non moi lonxano; e un grande porto comercial que é continuidade ás dúas mariñas cheas a rebosar de persoal que cruza cara un ou outro lado o Atlántico. Unha romería,vamos.
E aló o fondo na parede do dique un enorme “graffiti” que desde aquí non son quen de alviscar con claridade.
A cita co meu relevo, unha vez cumplidas as formalidades coa GNR, era, claro é , no Café de Peter. Alí o que primeiro chegara debía deixar recado e o xeito de contactar.
E, a primeira na fronte. Mentres avanzábamos polo paseo que da ós pantaláns preguntamoslle a un aborixen de historiado mostacho polo Café de marras, e, cun sorriso retranqueiro, nos informa de que o Café de Peter non existe. Na realidade chámase Café Sport (e polas indicacións que nos dou xa pasaramos por él facía un anaco no noso animado paseo de exploración).
Voltamos atrás e ó entrar nel xa percibimos o ambente mariñeiro de anos e anos.As paredes cheas de fotos de vellos baleeiros da illa e modernos “iatistas” da talla de Tamberlay con foto adicada. Ó fondo había un panel que facía as veces de tablón de anuncios e alí había xa un aviso para o “Rohna” co nome do tipo Mark Reedhood e un tfno. de contacto.
Xa desde alí, mentres tomabamos un refrixerio, chamamos a Mr. Reedhood e ás sete (hora local) achegaríase ó barco para coñecermonos.
Eu, mentres non puiden por menos que indagar de onde carallo viña o de Café de Peter, e esta érache a historia do Peter:
Cando se empezaron a tirar cables submariños para a comunicación telefónica Europa-América, as empresas (na súa maioría alemáns e inglesas) que se encargaban da tarefa fixeron base tamén aquí en Horta. Os barcos cableiros abastecíanse aquí de material que almacenaban edificios que á súa vez albergaban instalacións repetidoras ,e que hoxendía co avance das comunicacións por satélite, ficaron abandonados a finais do século pasado.
Andando os anos 60 o fillo dun oficial dun dos cableiros alemáns que tiña base en Horta , e que atendía ó nome de Peter tiña un enorme parecido co fillo do dono do Sport. E (alomenos así mo contaron) a xente empezou a chamarlle ó Café Sport o Café de Peter... e así chegou ata hoxe.
Non sei que terá de certo o conto que che me contou o parroquiano, pero o que sí che podo dicir é que moitas das empresas de charter , de efectos navais e de aluguer de barcos para avistamento de baleas que podes atopar por toda Horta teñen nomes de inequívoco orixe ario ou saxón.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-06-2009 19:19
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal