Contos do País do Solpor



O meu perfil
anoiteamericana@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Santa Clara é moteira; pero pouco , eh






Probablemente xa pensarías que estaba morto ou de parranda por ahí.

Non, nengunha das dúas cousas. Estábache embarcado nunha aventura filo-teatral para uns colegas , e , a verdade, é que non che tiña moitas gañas de poñerme a contarche cousas da miña vida e miragres. Pero a pasada fin de semán baixei ó Sur de Galiza á concentración moteira do meu modelo de moto (si, da Nosa Sra. de Volusia) ata Pontevedra. Foiche unha boa maneira de desconectar do traballo remunerado e máis do outro.

Alí topei con colegas que subiron ata aquí dende Antequera ou algúns que se achegaron dende Bilbao, e, por suposto, os habituais viciños galegos.

Eu, por razóns marítimas que xa te imaxinas, só fiquei na festa o venres e o sábado. E, sabes, penso que pillei o mellor dos tres días: O venres a cea de benvida e posterior sobremesa; e o sábado a magnífica ruta bordeando a beira N. da Ría de Pontevedra e a S. da Ría de Arousa ata a Illa do mesmo nome.

O tempo acompañounos con boa temperatura, sol e nada de vento. Para min, foi unha boa ocasión de voltar a percorrer por terra estas rías que dende hai algúns anos só percorro por mar.

Érache ben impresionante o estrondo que montabamos as cincoenta motos a ritmo tranquiliño por Raxó, O Grove, a Lanzada, Cambados e máis tarde xa na Illa de Arousa (onde xantamos).

E, onde fumos acabar xantando de todos os sitios que hai agora na Illa? Pois sí,tu. Ahí mesmo: No Camping As Salinas.

Xa se sabe, o criminal sempre volta ó lugar do crime. Aquel caming familiar no que pasamos moitos veráns da nosa xuventude agora é un lugar cuase residencial. Apenas hai algunha tenda, e o espazo está tomado por grandes caravanas e pequenos módulos prefabricados. Os donos seguen a ser os mesmos e o vello Parque do Carreirón está agora perfectamente sinalizado para as diversas rutas de paseo polos seus encantos. Só a vella pedra do lagarto (sí, a que está no lado do camping que da a praia) e a propia praia seguen igoal que naqueles anos.

No aspecto gastronómico non podo por menos que felicitar ós organizadores pola elección do lugar e do menú ben abundante e realmente sabroso, así como a tranquilidade para a sestiña que despois algúns botaron perdidos/as polos recunchos do piñeiral e da praia.

Eu ,non che puiden desfrutar dese pracer porque a eso das cinco, cando saín do comedor ollei cara o Norte e vin uns nubarróns negros dos que de cando en vez saltaban uns lóstregos que cruzaban o ceo.

Ainda non chovía, e a temperatura era tan agradable como pola mañá; pero preferín non tentar a sorte e aprestarme para iniciar a miña volta ó porto base da Coruña antes de que empeorara.

Despedinme dos colegas que estaban operativos, os outros/as disfrutaban da sesta e non ere cousa de despertalos/as ; e apresteime ó viaxe sen moita presa.

Ata Catoira foi indo ben. A tarde, a medida que arrumbaba máis ó Norte, íase facendo noite; contodo aguantaba sen chover.

Así seguín ata a beira Sur do Río Ulla, xa nas inmediacións de Padrón, onde unha cortina de auga barría a estrada como se no límite provincial houbera unha pantalla de cristal que me dispoñía a atravesar.

Estaba claro que Santa Clara só exercía de moteira en Pontevedra.

Dado como se estaba poñendo todo , optei por meterme na AP9 pola cousa da seguridade. A esas alturas xa a choiva ía tornandose en sarabia da gorda que golpeaba con forza no casco e facía que a marcha fose ben lentiña. Ninguén se atrevía a adiantar a ninguén. Para completar o “show” fixeron aparicións uns cantos lóstregos que iluminaban o camiño e a temperatura baixou ata facilitar que nos bordes e no centro dos carrís callase o xeo.

Eu, mentres reducía a segunda, empezaba a cagarme nos 50€ que metín na pantalla “Anti-fog” que puxen no meu casquiño, e , que por suposto, estaba toda empañadiña, obrigándome a entreabrila para así tentar ver algo por onde ía e disfrutar do intenso frío da noite prematura. O único consuelo era pensar que os que levan un casco “Schubert” deses de campaniñas ,tamén se lles empaña o visor como a min.

Según ía achegandome a Santiago a cousa non melloraba. De feito, nun deses paneis luminosos que agochan rádares e ás veces tamén informa de algo, indicaban que a AP9 estaba pechada xusto dous km. máis adiante de onde eu andaba.

O que faltaba. E por onde carallo nos ían a desviar?

Fun avanzando devagariño ate o punto onde debería estar cortada a autopista; pero nada. Só unhas moreas de xeo nos arcéns e un par de coches arrimados daquela maneira ó borde. Outro grupo parado; e eu caseque reptando entre eles e os pedrolos de sarabia para ir avanzando.

A outra opción era ficar alí parado enchoupándome máis, así que mentres non me pararan ía seguir.

E así foi. Nen persoal da concesionaria nen persoal da DGT fixeron acto de presencia, e eu seguín rumbo Norte ata que un lóstrego fixo branco nunha antena de telefonía móvil acaronciño do meu carril.

Entre o estoupido o fogonazo de luz que me deixou por un intre medio chosco, e o arrepío que me subíu polo lombo, caseque acabo contra os gardarraìs da autopista (que, por certo, non contan nen con un metro de barreiras protectoras para motoristas!!!). Por fortuna, e pola velocidade que levaba, fun quen de librarme e seguer ruta mentres tentaba quentar algo as mans apoiándoas contra o radiador do meu bicilíndrico (claro é que non se me ocurrira levar luvas de inverno).

Tíñache xa á vista as torres da Catedral e a sarabia ía convertíndose en choiva. Polo menos a temperatura xa non era tan baixa e non ía co tamborileo contínuo das pedras de xeo no casco. Para non poder aproveitar a autopista decidín tomar a saida en Santiago Norte e continuar camiño cara á Coruña pola N550.

Maldita a hora. Xusto no inicio do carril de desvío, non sei se polo empañado que estaba o visor ou por despiste debido ó cansancio piso coa roda dianteria unha das frechiñas pintadas no asfalto.

É de supoñer que unha autopista como a AP9 que vende seguridade e non ten nen un metro de barreiras protectoras para motoristas tampouco pensaría en sustituir a peligrosísima pintura vial por outra axeitada; así foi. A roda dianteira fixo un extrano, e non sei se por miragre de Santa Clara a moteira, por enorme pericia do piloto, ou por puñetera chiripa non fun dar ó chao.

O caso, tu, é que despois de case dúas horas e media de viaxe-aventura, en Carral deixou de chover, sarabiar, e tronar. Abríronse de novo os ceos e nos últimos kms. Da entrada á Coruña ainda puiden secar un chisquiño.

Agora unha vez que tome unha ducha ben quentiña vou achegarme á igrexa que estea de garda para pedir a folla de reclamacións. Vaise enterar Santa Clara.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-05-2012 20:38
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal