Contos do País do Solpor



O meu perfil
anoiteamericana@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Unha noite en Viena





O outro día estabámosche na “Bombilla” tomándolle uns “ullas” e unhas tapiñas de tortilla Carmen,Ana e máis eu.

Mentres que arranxabamos o mundo e poñíamos en claro se o PSOE é a dereita moderada e o PP é a extrema dereita, a conversa tomou novo pulo ó xurdir o tema da miña reciente viaxe.

Púxena ó corrente das nosas aventuras no medio do Tirol e comenteille un asuntiño que ela me pedíu que fixese público para aviso de viaxeiros.

Verás , a tarde na que nos íamos chegamos a Viena sobradísimos de tempo. O noso voo non saía ata as tres de mañá e decidimos pasar o tempo de visita turística pola cidade.

Como queira que a cidade non era en absoluto descoñecida para min, acordamos que eu iría por libre mentres que os meus colegas se metían a percorrer o Palacio Hofburg e as súas enormes dependencias. Así que unha vez que os tiña empaquetados na cola para pillar as entradas e xa amañáramos quedar un par de horas despois para dar unha voltiña pola Ringstrasse e tomar un cachiño de Tarta “Sacher”, eu encamiñei os meus pes cara o Mozart Café. Alí dinche boa conta dun delicioso “capuccino” e un pedazo de tarta da casa (para min moi superior á do “Sacher”).

Mentres estaba disfrutando do caloriño do local e da paisanaxe da cidade, vin un cartel que anunciaba unha actuación na Sala “Musikverein” (sí,oh, a Sala dende a cal se transmite o Concerto de Aninovo pola tele); total, que como nunca vira a sala co uso para o que foi feita ,e como estaba a un tiro de pedra dela, din por finalizado o meu cafeciño e achegueime ata alí.

O concerto ía celebrarse pola noite ; pero como estaba aberto e ninguén me parou , puxen cara de persoal da casa e tirei para adentro. Arrimeime a unha das columnas do fondo e asistín , un bo cachiño , a un dos ensaios da Filarmónica que a eso das oito tocaría unha selección de Strauss.

Saíume redondo, e encima gratis!.

Por fin puiden experimentar a famosa sonoridade da dichosa sala. Todas as outras veces que a visitara nunca me coincidira de vela e ouvila con músicos.

Pronto ía dar a hora na que quedaramos para ir a cear. Entre a tarta e o concerto privado e personalísimo da Filarmónica caseque nen me decatara. Tirei cara a Porta do Hofburg e resgardeime da neve que empezaba a caer no toldo da tenda “Loden” que está frente por frente á porta do palacio. Eles ainda demoraron unha media hora ; pero eu tiven a espera amenizada por un grupiño de músicos que debaixo do arco da porta do palacio amenizaban a cola dos turistas cunha boa selección de “Blue-grass”.

Unha vez que eles apareceron propúxenlle irmonos pola “Kärnerstrasse” ata a tenda Zara, ou para ser máis exactos, ata a Catedral de S. Esteban.Alí ó carón da catedral podíamos cear nunha adega ben chula: a “Zwölf-Apostelkeller” ( Adega dos doce apóstolos ou aljo así).

O local componse de tres sotos (que durante a segunda guerra mundial foron usado como refuxio) e en cada un hai un ambente distinto e algunha variación na carta.

O persoal alucinou cando entramos, e eu non parei no primeiro soto e seguimos baixando ata dar co terceiro , onde ademáis actuaba un grupo tirolés que nos amenizou a cea a base de queixos, salchichas, “chucrut”, viño “Riesling” (unha especie de viño verde producido nas aforas de Viena) e ,por suposto, cervexa local.

A cousa foi de maravilla ata a hora de pedir a conta.

Aquí empezaron os problemas. Na factura aparecían cousas que non pedíramos , racións grandes cando nos pedíramos as pequenas, etc. etc.

Total case que uns 70€ de máis. E o máis curioso, o camareiro que nos atendeu en correcto inglés, cando lle reclamamos deixou de entender o inglés e só nos falaba nun alemán (supoño que algún dialecto austríaco) que imposibilitaba a comunicación e, por suposto, o bon fin da nosa reclamación.

Como a cousa empezaba a quentarse, e o tío non baixaba da mula, a min saíume a vena “galiciana” e empeceille a dicir en correcto galego que ou nos daba a nosa conta ou chamabamos á policía.

Oes, debeu de ser o Espíritu Santo ou algo así , pero de súpeto ó camareiro voltoulle o inglés ó maxín e Oh, maravilla!, apareceu a nosa conta (de verdade) como por arte de maxia.

Pagamos, saímos lispiados do local, e no tren camiño ó aeroporto pensamos que o camareiro debía ter xa experiencia no “nejosio”, porque foi nomearlle á policía e: chispún.

Tivemos sorte e moi boa. Imaxínate un grupo de turistas con pinta de latinos polos catro costados e sen coñecimentos de Alemán (mais que a nivel de usuario) e a policía que, en boa lóxica, estaría máis disposta a creer ós da casa. Mais polo que se víu o listiño do camareiro debía ter xa un curriculúm amplo na comisaría da zona e optou por non tensar a corda, non fora a ser o demo...
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-05-2011 19:55
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal