Contos do País do Solpor



O meu perfil
anoiteamericana@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O vello Sur
Hasme desculpar polo tempo que te tiña abandonado sen noticias. Como xa sabes ando bastante liado rematando por fin o guión do “thriller” que empecei hai dous anos; e agora parece que vai, por fin.

Ben, como necesitaba tempo, e o “Hansa” está en Be-Go (cidade antes coñecida como: Vigo,no vello Sur galego); pedínlle a Fran as chaves , e cara aló encamiñei o meu rumbo aproveitando que estes días non hai entrenamento dada a época de exames na que estamos.

Cundíume. O meu portátil fomegaba e a cercanía da mar parecía darme ás. Unha destas tardes que saía do barco a dar unha voltiña polo Areal para darme unha homaxe en forma de xeado de café e vainilla, mentres que disfrutaba de perder o tempo sentado na terraciña e vendo pasar a xente, deu a casualidade que pasaron por alí a Sra. Sobrino e o seu esposo, o Sr. Panete. Facía tempo que non nos veíamos e inviteinos a sentàrense ó meu carón. Como queira que o home tiña gañas de falar, e tamén se adica á perigosa profesión do ensino, entendín o seu desexo e apresteime a escoitalo.

Empezou a súa historia contándome dunha coñecida (que non amiga) mestra nova e conservadora (de nome ficticio: Rosa) a quen destinaron hai pouco ó centro onde él traballa, aquí no vello Sur.

A probe muller tivo a má sorte de ir a caer nun dpto. no que como compañeiras tiña duas mestras desas de pelo curto , pintado de cenoura, solteiras (ou polo menos sen parella masculina coñecida) e moi concienciadas cos dereitos da muller, a coeducación e a linguaxe políticamente correcta.

Dende que chegou ó centro, as súas compañeiras recriminábanlle que nas súas conversas, e nas súas notas para os pais usara expresións tan aberrantes como: “nenos” e non “nenos e nenas”; ou “pais” no lugar de “pais e nais”. As boas maneiras de Rosa, nena de familia ben, impedíanlle responder de xeito agresivo; e a base de tragar e tragar, o seu equilibrio nervioso acabou escachadiño.

O corpo de Rosa reaccionou ante a ameaza que o stress continuado lle supuña. Mais, xa era demasiado tarde. O Día das Letras Galegas estaba á vista, e o aluvión de reunións e grupos de traballo para os actos da celebración provocáronlle un estado de trance do que saíu poseida por unha sorte de delirio binario, tal que masculiniza e feminiza calqueira adxectivo, artigo ou pronome. Así fálache de: “as cousas e os cousos”, “as solas e os solos”...; e preguntaba “Qué día se entregan as notas e os notos ós alumnos e alumnas?”

As súas intervencións nos claustros parecìan ser intelixibles e por moi atento que estiveras, perdes o fío á segunda frase.

Chegado a este punto, Panete, díxome que a familia de Rosa lle tiña apañada unha baixa ata o fin de curso, que para eso ten as súas influencias na Consellería (o cambio de goberno, só foi formal, os mandos intermedios seguen a ser os mesmos...xa sabes: cambiemos todo para que nada cambie). E non me extrañaría nada que logo pedira unha excedencia... e sabes para qué?

Hete aquí que como entre a clase política se coñecen todos, xa lle chegou unha oferta do gabinete da Sra. Porro (alcaldesa en funcións de Be-Go) para encriptar a información confidencial que mandan á Rúa Xénova.
Din as malas linguas, que Zaplana adicou encendidos eloxios a un fax recibido dende Be-Go.

Como xa ía comenzando a refrescar decidimos ir ata o barco, que eles non coñecían. Pedimos unhas pizzas por teléfono, o que nos levou un cachiño, mentres convencíamos ó pizzero de que non estabamos a bromear, que era para un barco amarrado en Punta Lagoa.Despois tiramos da boega que hai na sentina , e festa rachada.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-05-2007 21:06
# Ligazón permanente a este artigo
Entre copas 2
Esta vez non teño que explicarche o que é o Clube de Cata San Xabier , ó que perteñezo. Se te tomas a molestia de revisar o primeiro capítulo de “Entre copas”, nun momentiño poste en antecedentes.
Ben, esta vez o convite partíu da Bodega Liberalia en Toro (Zamora). E aló que nos encamiñamos un grupiño de expedicionarios/as.
A chegada foi un pouco descorazonadora. O que se vía na lontananza era unha vella e pequena casiña de adobe co letreiro “Liberalia” nunha das fachadas. Ninguén dixo nada, pero a bon seguro que todos/as pensamos: “joeeeer, e só é esto?”.
Na porta fomos recibidos por Juan Antonio, o dono, tocado co seu sombreiro, a súa garbata de paxariña e o seu bigote historiado.
Alí xuntámonos con outro grupo de Vigo que tamén estaba convidado á xuntanza.
O recibimento foi esplendido contándonos as virtudes do viño da bodega co marco dunhas cubas de fermentación de aceiro... pero, nada máis. A todos/as nos estaba dando voltas onde carallo estarían as barricas de roble francés e americano...tan publicitadas nos catálogos da casa ; mais unha vez acabado o discurso de salutación, Juan Antonio acercouse a unha porta pola que nos guiou para baixar ó corazón da empresa.
Aiii, amiguiño, dous pisos máis abaixo atopamos unhas inmensas salas cheiñas de barricas e nas que soaba música barroca , que según o seu dono facía que o viño mellorara o seu descanso .Alí fumos aleccionados sobre as características das distintas barricas e realizamos diversas catas de distintos anos, para pasar despois a un salón onde se nos ofreceu un suculento guiso de rabo de toro regado con viños da casa.
A tarde foi discurrindo amable e as linguas ,a medida que íamos trasegando, gañaban en elocuencia e inxenio.
Cando serían as sete da tarde fomos retirándonos ó hotel que o Clube dispuxera para aloxamento e aproveitamos para repoñernos un pouco.Pola noite había que continuar a esmorga.
Á hora acordada, todos e todas estabamos na praza da vila . Bueno, todos non. Había xa unha baixa:Carmen , ou para sermos exactos o seu estómago, decidiron tirar a toalla e optaron por ficar na cama.
O resto estabamos frescos, duchadiños e listos para continuar.
A animación na rúa era enorme. Non acababamos de ter claro a onde encamiñar os nosos pes para ir entrando en calor antes da cea que nos agardaba nun restaurante de “pedigree” da vila. Total, todos estaban cheos de persoal; así que decidimos entrar no que vimos un burato onde poder colarnos na barra. E alí che estabamos probando viños e tapiñas cada vez máis soltos e integrados na paisanaxe cando vemos entrar pola porta tres auténticos “loalailos” con gafas de sol. Por certo, eran perto das dez da noite ,e neste lugar do continente xa había un anaquiño que o sol se puxera.
O caso é que estes tres parecían sacados dunha viñeta de “El Jueves”. Si, oh, das de “Maki Navaja”. Eran auténticos a cachón; pero dentro da súa indudable “elegancia” percibíase certa
propensión ó macarrismo e unha inclinación natural a meterse en líos.
Como queira que pa modernos nós, todos fixemos como que estabamos moi afeitos a situacións así... bueno, caseque todos...
Susana (o nome é figurado, por suposto) víuse envolta nun ataque irrefrenable de risa tonta. Eles, ainda non sei moi ben por qué, déronse por aludidos.
Eu, sei moi ben por qué, escomencei a moverme lentamente cara a porta do local, mentres o resto do grupo iniciaba tamén movimentos na mesma dirección, case todos máis serios que un garda civil de servicio.
Ó redor dos “lolailos” empezou a abrirse un vacío interestelar de proporcións inmarcesibles que ía en aumento.
Nós, mentres tirabamos de Susana cara a rúa mentres ela íase poñendo cada vez máis bermella ó intentar aguantar a risa.
Contodo , Susaniña decatàbase da situación ; ...mais non podía parar, mira ti...
Alguén oíu ós “lolailos” comentar algo de “los gallegos”... ; e por unanimidade decidimos que ainda que chegaramos un pouco antes ó restaurante tampouco ía pasar nada.
Así que con un movimento uniformemente acelerado nos aproamos rumbo á rúa do restaurante onde xa tiñamos a mesa reservada.
Ben que nos veu!. Non quero nin pensar na velocidade que acadaríamos cando os amables señores “lolailos” quitaran dos seus petos algunha desas bonitas navallas “Recuerdo de Albacete”...
Ainda que con un pouco de adianto , no restaurante as cousas semellaban estar máis tranquiliñas.
Mira ti, que deu a casualidade de que un dos cociñeiros fora alumno do presidente do noso clube, co cal... xa te podes imaxinar a calidade e abundancia do menú e dos diversos viños que a sumiller do local nos recomendou para regar a homaxe que nos estabamos dando.
A cena discurría agradable pola comida e pola compaña.Todos e todas estabamos disfrutando arreo.
Cando xa enfilábamos os postres, de súpeto , do outro lado da sala unha señora que entrara un chisquiño despois que nos cun rozagante cabaleiro de deseño (sí, oh, deses que parece quitado de pasarela Cibeles) e tocado con coleta, non nos quitaba ollo. Coñecerá a alguén da mesa (pensei para min). Ah, amiguiño, a quen coñecía era a min!! (ou alomenos eso creía ela, plenamente convencida).
Contoche: Xa farta de mirar, pegou un berro á probe de Susaniña que hoxe caíanlle todas: “Olle como se llama el que está sentado a tu lado?” . Ese era eu.
Susaniña, sen sair do seu asombro, acertou a balbucear o meu nome; e a señora , xa víndose arriba: “Oye, yo a ti te conozco!!” .Berrando ben para que eu a ouvira.
“Sois gallegos,verdad?”. Eu, aguantando o tirón: “Sí, señora”. Mentres non deixaba de ollar para o armario roupeiro con coleta que acompañaba á señora e que ben podía poñerme en órbita dun manotazo.
“A ti te conozco de Vigo!!”. “Tu vas mucho por Vigo,verdad?”.
“Sí, señora, voy algunas veces a ver a amigos. Trabajé allí algún tiempo”. A cara do armario cada vez estaba máis conxestionada ... e mentres ollaba para min; eu dubidaba entre meterme directamente debaixo da mesa nun descuido , ou fuxir sen dar ocasión a que o ambiente se quentara máis.
Pronto desgotei as dúas posibilidades. O armario non me quitaba ollo, e a súa mesa estaba exactamente no meu camiño cara a porta.
A dama insistíu, e eu, co mellor dos meus sorrisos manifesteille a miña ledicia por termonos atopado esta noite aquí en Toro. Eso pareceu calmala e seguíu a conversa co seu armario de deseño con coleta. Mentres os meus colegas, e desde ese momento xa amigos para sempre, tiñan pedido a conta, pagado e xa recolleran os abrigos para iniciar unha rápida saida do local, na cal fun arroupado mentres me perdía a canto me daban os pes na francachela e esmorga da noite taurina que por fortuna ofrecía ben menos perigos que os que levabamos pasado.



Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-05-2007 22:02
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal