Contos do País do Solpor



O meu perfil
anoiteamericana@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A enchenta do Bósforo (e III)
A bon seguro que xa hai uns días que estás preguntándote que carallo quere dicir o título desta serie adicada a Estambul.

Ben, como este é o derradeiro capítulo, aló cara o final do mesmo heicho descifrar.

Pero, primeiro téñoche que contar as nosas aventuras no Grande Bazar e no Bazar das Especias.
Eu tíñache tres obxectivos turísticos para esta viaxe, a saber: O Grande Bazar, o Bazar das Especias e a Estación de Ferrocarril término onde remataba o mítico Orient Express.
Tamén se houbera tempo quería visitar a Mesquita Azul ou algunha outra ( a cidade está chea delas ).

Como tiñamos tempo libre aproveitamos para visitar as dúas mesquitas principais e as instalacións ó seu carón. É alucinante ver o enorme luxo que os templos de calqueira relixión obteñen dos seus fieis con tal que lles reserven unha praza no ceo.

Extrañoume ver a área onde os feligreses fan as súas ablucións e proceden a limparse coidadosamente cos moitos grifos de auga que hai dispostos no patio.

Ah, unha cousa, nin se che ocorra facerlle fotos ás mulleres con burka (que hai un bo lote delas). Eu fíxeno, e recibín unha boa bronca (a saber o que me dixo o home que as acompañaba, pero ben seguro que foi de todo menos bonito).

Despois achegámonos ata o Grande Bazar onde teóricamente é moi doado perderse; pero non pedaciño que percorremos non fun quen de facelo.

Capítulo a parte merecen as distintas tendas que hai no recinto (así entre nos como unha xigantesca feira nun recinto cuberto con miles de tendas de todo tipo). Só che pasamos alí unhas tres horas, das cales a maioría foron acompañando ó meu colega de cuarto Xoan Carliños, que entrou nunha tenda con intención de mercarlle ó seu fillo unha camiseta do Galatasarai, e, claro, o ritual da compra/venda non ten nada que ver co noso estilo occidental. A saber: Unha vez entrou na tenda ofrecéronlle asento e un té. Mentres o dono despregaba ante él un enorme surtido de camisetas. Como queira que non atopaba a que quería él, ainda lle caeron outros tres tés máis mentres o señor da tenda mandaba un propio a buscar a talla e o modelo que quería.

Namentres o resto do grupo seguíu camiño por outras tendas; e ó ver que non aparecía, decidiron ir buscalo. Pero aaai, amiguiño. Onde carallo estaba a tenda onde o deixamos? Vai ti a saber.

Eu, como xa ía avisado do laberinto no que nos metíamos ía tomando mentalmente referencias dos lugares, das esquinas, de letreiros, etc. por onde íamos pasando; así que me ofrecín a ir na súa procura. E aló o atopei, trasegando tés e discutindo de fútbol co señor da tenda en Español. (Sí, aquí todo o mundo parece saber idiomas). Cando me víu pareceu ver o ceo aberto posto que xa non sabía moito como librarse sen ser descortés. Eu inventeime unha excusa e conseguín arrancalo das garras do vendedor, con grande dificultade, posto que a cada requerimento de cada tendeiro paraba con eles por aquelo de non ser descortés. Ó cabo dunha hora dimos de novo co resto do grupo.

Como as horas corrían decidimos sair do recinto e encamiñarmonos cara o Bazar das Especias.

En dúas palabras: In Presionante. De súpeto vímonos envoltos nun mar de aromas e cores ó tempo que eramos arrastrados por unha muchedumbre mentres esquivabamos recadeiros con bandexas portando vasiños de té para as diferentes tendas.

Eu, aquí sí que me decidín. Entrei nunha das múltiples tendas e fixen os encargos que consistían básicamente en mercar té de mazá para uns colegas. Meu amigo que embriagadores aromas aló onde foras. E , por suposto, todo o mundo falaba español.

Mentres que me pesaban o té e o envasaban ó vacío (por mor da aduana), vin na nevera unhas latas de caviar Beluga a moi bon precio. Non sei se sería auténtico ou non; pero decidín a levar unha lata para min para darme unha homaxe esta noite no hotel (lástima dunha botelliña de Terras Gauda fresquiño para acompañalo).

Como xa era moi tarde decidimos retiranos; e unha parte do grupo quixo ir a un “hamman”. Preguntamos ó da tenda que me vendera o caviar e recomendounos o que hai a carón da Mesquita de Suleimán.

Xa era noite pechada e, por mor de non ter un encontro indesexado acompañamos ó grupo ó “hamman” e despois baixamos ata a beira do Corno de Ouro para descansar nunha terraciña.

Eu, xa che facía un bo pedazo que tiña a miña próstata berrando para ser aliviada; pero, nen no Grande Bazar, nen no das Especias, e, por suposto, tampouco na terraciña había onde ( o bar era un simple chirinquito entre as mesas) . Total, afasteime un pouco da nosa mesa coa desculpa de ir ollar o Estreito do Bósforo e ver as luces da cidade da parte asiática e segundo me ía achegando á barandiña vin a miña ocasión alí resgardado por unhs rosais.

Meu home, que alivio!! Xa sei que no Mediterráneo ou no Mar Negro non hai mareas perceptibles; pero a bon seguro que esta vez a marea alta causada polo meu urxente alivio renal había de notarse nas dúas beiras do Bósforo.

É probable que a estas alturas te esteas preguntando se fun á estación término da cidade. Que máis quixeira eu, meu amiguiño; pero as horas do día son as que son e non da para máis. Ó día seguinte ben cediño saíamos para o aeroporto e tería que agardar a outra ocasión para ver todo o que ofrece unha cidade con tanta historia coma esta.

Se o miras ben, tampouco viñen de turismo, así que non che hai queixa.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-04-2014 15:51
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal