Contos do País do Solpor



O meu perfil
anoiteamericana@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Le Tour
Hei, xa estou aquí de novo.

Probablemente vos estaríades preguntando que carallo estivo facendo todo este tempo o argallán este.

Ben, ó mellor non vos preguntáchedes nada. Da igual, xa mo pregunto eu.

Cóntovos.

Os primeiros meses foron de asimilar o conto mentres que todas as tardes unha amable señorita viña a facerme furados na barriga cunha xeringuilla e, eu leía todo o que caía nas miñas mans, mentres os meus colegas de tripulación me ían poñendo ó corrente das mareas, dos ventos e... dos triunfos.

Eso contribuía a manter o meu ánimo entre cabreo xeneroso e mala hostia continuada. Axudado, eso sí, polos reiterados resbalóns que me pegaba cando algunha das muletas perdía adherencia no chao do baño.

Por fortuna nengun dos derrapaxes anteriores tivo consecuencias salientables agás o medo e a dificultade intrínseca para voltar a recuperar a teórica verticalidade e o enorme esforzo que supoñía agora respirar por mor das costelas.

Ah, e deixame dicir aquí: Bendita química. Deus lle dea o ceo ó Sr. Paracetamol e ó Sr. Nolotil. Eles sí que merecen un premio Nobel.

Non che hai moitas semáns que asistín a un bonito espectáculo no Hospital que me tocou aquí na Coruña. A traumatóloga que me atendeu nestes duros momentos, a parte de ser unha enamorada de Portugal (o cal nos facía máis fluida a consulta na que intercambiabamos locais de restauración no noso veciño do Sur) era tamén unha cachonda.

A tal punto levaba o seu festival do humor que cando xa me quitou a escaiola (meses despois) non desperdiciou a ocasión para facer unhas risas.

Non vai a tipiña e aparece na sala de curas cunha mascariña e na man unha serra circular que blandía ameazadora no ar, mentres se achegaba a min dicíndome que estivera tranquilo que pronto acabaríamos.

Eu por pouco non me tiro da camilla en marcha. Menos mal que a enfermeira me retivo entre risas avisándome que a serra era só para cortar a escaiola. Non chas tiña todas conmigo; pero intentei disimular cunha risa nervosa.

Xa está. A miña botiña branca xa estaba no chao da sala.

Era unha sensación moi rara a que tiña agora na perna. Sentíaa moi lixeira e extranamente delgada.

Contodo ainda me restaban semáns sen poder apoiar, e a miña teima de guindar as muletas dende o Roncudo non era para xa, como creía.

Agora agardaban as longas e tortuosas sesións de rehabilitación. A cousa, como podes ver é looooonga e exasperante.

Ainda que ó principio eran agradables masaxes e movimentos axudados por Pepe, o fisio que me tocaba en sorte, deseguida (para min demasiado pronto) comenzou a forzar a cousa. Disque para que poidera apoiar canto antes o pé.

De día en día o esforzo a realizar era cada vez maior.

Para movilizar o meu nocello non se lle ocurriu mellor cousa que poñerme un ferro cunhas pesas para que o movera só co pé e a articulación do nocello.

Maldita a hora. Co agustiño que che estaba eu coa miña botiña branca...

Os días e as semáns pasaban, xa van aló seis meses e o Pepe insistía en que tiña que comezar a camiñar cunha soa muleta. Estaba seguro que este se metía algo se pensaba que eu xa estaba para esas alegrías.

Tocoume de novo visitar a Noelia a miña traumatóloga, e , queres creer que estes dous parecían compinchados,ela tamén isistíu en que tiña que lanzarme cunha soa muleta.

Na casa , e ben devagariño, empecei a experimentar.

Non vou dicir que foi doado. Algún croque caeu contra as paredes; pero ,ainda con medo, parecía que ía sendo capaz.

Quen che mo ía dicir, aquí sorrindo na casa por ser capaz de voltar a andar! Ó que nos leva a vellez, tu.

Pero amijiños. O Pepe non sei se tivera unha rifada coa moza ou que ; pero ó chegar para a miña sesión non vai o tío e me monta nunha bici estática.

A desculpa era , según dicía, movilizar e recuperar masa muscular no nocello e na perna.

Empecei a darlle con xeitiño,eh; pero o cabrito achegouse á bici e empezou a fedellar nela ata meterlle unha ruta de montaña, o moi...

Eu suaba como un carneiro. Non levaría máis de oito km. De subida sen ir a nengures cando, sen cortarme un carallo, chamo ó tipo e preguntolle se obtivera a súa titulación la Escola de Fisioterapia de Treblinka.

Queres creer que non lle sentou nada ben a miña inocente apreciación.

Noteillo nos días posteriores , de feito sigo notándollo, porque a montaña á que subo todos os días sen moverme do sitio é cada vez máis empinada, as costas abaixo son cada día máis curtiñas e o home ó verme suar non para de dicirme que llo hei de agradecer ben pronto. Pode que teña razón, o especialista é el, mais se lle puxera un pouco de cariño había ser igual.

Este ano sen falta, voume apuntar ó Tour.
Co entrenamento que levo se non gaño pouco lle ha faltar. Vémonos nos Campos Elíseos.
Comentarios (15) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-01-2016 21:29
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal