Contos do País do Solpor



O meu perfil
anoiteamericana@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Cabos do Norte
Hai anos eran habituais as probas de longos percorridos, os máis vellos ainda poderán lembrar a Regata do Mar de Fisterra e outras parecidas. Hoxendía é moi pouco habitual unha regata longa nas costas do Norte da Galiza; por fortuna o Náutico de Sada voltou a recuperar esa vella tradición de probas longas con esta (xa a segunda edición) dos Cabos do Norte.

A proba parte un sábado a eso das catro da tarde cara o N. pasando polos cabos Prior, Prioriño, Punta Frouxeira, Ortegal e Bares; utilizando como boia de recalada a Illa de Coelleira. Unha vez deixada por babor iniciamos o percorrido inverso sen parar. Ollo, por se algún listiño houbera, sempre se fai constar que non se poden pasar os Aguillóns polo interior; e ademáis todos os barcos se equipan, por parte da organización, dun “tracker” que vai marcando as derrotas de cada un na páxina web da regata.

Ben, a deste ano ía ser unha proba difícil polas escasísimas condicións de vento que se preveían.

Nos, co Hansa, arrancamos ás 16h. de Sada cuns oito nós de vento do SW. Unha vez pasado Prior empezou a soprar algo máis; e o patrón decidíu afastarse de terra en busca dun chisco máis de presión. Polo bordo de terra optarón o “Ourense”, o “Gómez” e o “Mirfak”.

Desafortunadamente pronto se víu que a nosa opción non era a axeitada. Según nos íamos afastando da costa íamos vendo como os do bordo de terra ían acelerando e deixándonos atrás. O patrón decidíu que xa estaba ben de regalar tempo e millas. Viramos cara terra ó tempo que izabamos o “A4++” (un dos varios spís que levamos abordo).

Foi unha das decisións máis acertadas da proba, ou alomenos eso parecía. O feito é que saímos escopetados cara a costa, eso sí , á popa do “Ourense” que era o que pechaba o grupo de cabeza.

Unha vez chegamos á súa estela “trasluchamos” e dispuxémonos a dar caza ó grupo que lideraba a proba.

Primeiro puxémonos a desventar ó “Ourense” e poñelo nervoso ata que o pasamos por sotavento. Era ben certo que aquí había moita máis presión que polo bordo de fora. Despois era cousa de tempo que deramos caza ós outros dous se as condicións de vento seguían así.

E non só seguían, se non que había rachas que presaxiaban o peor para a resistencia do noso spí. Contodo, o patrón decidíu arriscar por mor de non perder tempo na maniobra de “peelling” (esto é: o cambio dun spí por outro axeitado ás condicións de vento que estabamos tendo).

Tiñamos xa a tiro a popa do “Gómez” cando pasou o que nos temíamos: Un rachón dos gordos. De arriba abaixo e continuou polo pujamen. Imposible de arranxar abordo cos medios que temos. Arriamos a todo tren e dispuxémonos a izar o “A3” unha vela esta, que fácilmente soportaría as actuais condicións de dazaoito nós. Mentres o “Mirfak” e o Gómez” xa nos tomaran unha boa dianteira.

Non nos rendimos, que va. Unha vez recuperada a velocidade que tiñamos foi cousa de tempo chegarmos á altura do “Gómez”.

Pouco antes dos Aguillóns xa estabamos segundos . Agora o noso obxectivo era o “Mirfak”; pero ó tempo en que estabamos chegandonos a Coelleira íamos vendo como o vento caía e unha vez virada a illa a ceñida da volta percibíase longa e pesada para nos, non así para o “Mirfak” que pola súa lixeireza víase moito máis beneficiado polo escaso vento.

Eran xa as sete da tarde cando viramos segundos a boia de recalada. Ainda había algo de luz solar e non dispoñíamos de moito máis de oito nós de vento. A previsión era de que ó longo da noite iría en descenso, só tiñamos que ser quen de chegar a Sada de volta antes das seis de mañá que era cando se preveía un vento de non máis de dous nós.

Por fortuna para nos, a pesares das duras condicións de vento conseguíamos manter a distancia. A navegación non era incómoda, mar chá e boas condicións. Só un chisco máis de vento e voaríamos cara a Sada.

Pero Eolo non estaba pola laboura.

Renqueantes íamos pasando polos faros de Ortegal, Frouxeira, Prior e controlando con mil ollos as luces de navegación do “Gómez” que non se separaba moito da nosa popa , as do “Ourense” e,desgraciadamente pola proa, as do “Mirfak” que seguía diante de nos e mantiña a distancia sen moitas dificultades.

Catro nós de vento e íamos vendo como a ventaxa do “Mirfak” ía sendo cada vez maior.

O patrón decidíu abrir o rumbo cara a fora por mor de buscar un chisco máis de presión. Total, non tiñamos moito que perder.

E esta vez funcionou. Non era para botar foguetes, pero xa camiñabamos empurrados por 6 nudiños.

Ó lonxe, polo noso babor viamos como as luces do primeiro ían sendo cada vez máis difusas; mais pola contra mantíñamos a distancia co “Gómez” e co “Ourense”.

Eran xa pertiño das tres da mañá cando oímos pola radio ó Comité de Regata dando a entrada na meta ó “Mirfak”. Non nos desanimamos. Sabíamos que estabamos no rumbo certo, e só era cousa agardar a que a presión actual do vento se mantivese unhas horas máis.

Según avanzávamos cara ó S. todos a bordo íamos percibindo a caida do vento mentres nos afanabamos en trasladar os pesos e as velas á banda de sotavento para favorecer o embolsado da maior e do xénova. Pouco facíamos; mais contodo íamos avanzando merced á propia inercia do barco, ou ó noso propio vento aparente.

Eran xa as catro e media da madrugada e acababamos de deixar atrás a Ensenada de Chanteiro.

Enfilabamos xa a punta do espigón de Sada, e pola nosa popa, cada vez máis perto, asomaba a luz de proa do “Gómez” favorecido pola súa lixeireza.

Non eramos quen de creelo. Despois dunha regata tan longa e disputada, íamos a perder a segunda posición nos últimos metros.

O patrón escomezou a poñerse nervoso e tentar evitar o inevitable. Non deixaba de ollar pola popa buscando o xeito de impedir que o “Gómez” dese conta de nos.

Estabamos navegando cun vento de través escasísimo que ainda nos permitía algo de governo lento e pesado; moi ó contrario do “Gómez” para quen esta escasez de presión non supoñía nengún trastorno.

Intentamos estorbar como puidemos o inminente adiantamento do noso perseguidor.

Pola nosa fronte as luces do barco dos xuices convintemente aliñado co espigón de Sada, a menos de cen metros. E xa ó noso costado , o “Gómez” avanzando lento pero sostido mentres o nervosismo facía ó noso patrón empezar a berrar artigos do Regulamento de Regatas que en teoría estaría infrinxindo o nos rival. Dende a outra caña, o patrón do “Gómez” perdía un pouco de concentración mentres tentaba de argumentar en contra nosa mentres o resto íamos vendo como a menos de vinte metros da meta, a proa do “Gómez” ía paseniñamente poñéndose diante de nos.

E os xuices pitaron caseque simulténeamente as dúas chegadas. Non creo que houbera nen un segundo entre as dúas proas; pero acababamos de perder en escasos cen metros o segundo posto. Sí, xa sei que esto é así; pero non deixa de ser desalentador ver como nos últimos metros se nos vai pola borda a proba.

Amarramos calados, e calados e rabiosos botámonos nas literas derrotados.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-06-2013 10:34
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 buenoooo. Unha ración de humildade non vos vai nada ma#blgtk08#l.
Pero estaría ben ver esa chegada de infarto.
Comentario por miguel (09-07-2013 18:53)
2 Debeo de afundir o barco con é#blgtk08#l dentro. Que vago, meu deus.
Comentario por adriana (23-08-2013 13:29)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal